Sunday 05 de May de 2024

Máis de 250 alumnos participaron a pasada semana nas 16 accións formativas para o agro organizadas por Medio Rural


Forman parte da programación dos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) da Consellería e intégranse no plan de transferencia tecnolóxica de 2019 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)

Máis de 250 alumnos participaron ao longo da pasada semana nas 16 accións formativas organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural, e que se celebraron en diferentes puntos de Galicia. Estes cursos e actividades forman parte da programación dos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) da Consellería e intégranse no plan de transferencia tecnolóxica de 2019 da propia Agacal.

Nestes últimos días un dos centros con máis accións foi o CFEA de Monforte de Lemos, que acolleu ata sete cursos diferentes, sobre materias como a aptitude empresarial agraria en apicultura, vitivinicultura ou froiticultura, o vacún de leite ou a gandaría extensiva.

Nas mesmas datas celebrouse no CFEA de Guísamo un curso sobre implantación e cultivo ecolóxico de nogueiras para produción de froito; no de Lourizán (Pontevedra) outro sobre xardinaría vertical e no de Sergude (Boqueixón) unha visita a unha granxa de porcas nai, na que os alumnos puideron coñecer sobre o terreo o funcionamento deste tipo de explotacións gandeiras.

Ademais, na localidade ourensá de Xinzo de Limia impartiuse por parte do Servizo provincial de Explotacións Agrarias unha xornada técnica centrada no asesoramento de xestión integrada de pragas, especificamente referido á produción de pataca. Tamén en Ourense -neste caso na capital provincial- e a cargo deste mesmo servizo, tivo lugar outro evento formativo sobre identificación e control de pragas e enfermidades en froiteiras, orientado en particular á produción de mazá, cereixa e pequenos froitos.

Outra xornada técnica celebrada esta pasada semana tivo lugar en Lugo, baixo o título de A empresa agraria: análise de fórmulas societarias. Tamén na capital luguesa celebrouse outra actividade arredor dos procedementos electrónicos actuais das explotacións agrarias, cun taller práctico sobre o tema. Por último, cómpre citar a xornada técnica desenvolvida durante os pasados días 4 e 5 en Abegondo, centrada nos coidados culturais nas maceiras e o aclareo de froitos.